Etiquetas

sábado, 15 de xuño de 2013

A Federación bloquea o traspaso de Aspas ao Liverpool

Iago Apas con Jordi Figueras, en Peinador. // Jorge Santomé
O traspaso de Aspas ao Liverpool devolveu o conflito de intereses entre as distintas empresas que representan ao futbolista. Unha delas denunciou ao xogador ante a Federación Española de Fútbol, que nos próximos días decidirá se lle concede o tránsfer ao moañés para disputar partidos oficiais na Premier.

A marcha de Iago Aspas á Premier segue dando voltas, malia que o Celta e o Liverpool anunciasen oficialmente o xoves o acordo do traspaso do xogador por 9 millóns de euros. O moañés xa é xogador do conxunto inglés para todos os efectos, pero fáltalle o Certificado de Transferencia Internacional (coñecido como tránsfer) para poder disputar partidos oficiais cos reds. A tramitación desa licenza está paralizada debido a unha denuncia presentada por un dos tres representantes que ha ter últimamente o agora excéltico ante a Federación Española de Fútbol. O demandante reclámalle a Iago unha porcentaxe pola operación de traspaso. Ata a próxima semana non se coñecerá o fallo federativo.

"Iago Aspas ten contrato comigo ata xuño de 2014 e eu non aprobo que se libere o Certificado de Transferencia Internacional ata que cheguemos a un acordo ou pague o que lle corresponde por contrato. O director deportivo do Liverpool, Ian Ayre, tiña constancia de que nós somos os representantes do xogador", explica Jorge Santomé.

Este moañés, xunto ao seu socio Carmelo Vicente, exerce de axente oficial de Iago Aspas, quen á súa vez lle asinou un poder á empresa Promosport para que tamén lle representase. Ante o conflito que se xerou no mercado de inverno por esta dobre representación legal, Jonathan Aspas presentouse como único portavoz do seu irmán Iago.

O acordo entre o Celta e o Liverpool para o traspaso de Aspas, segundo Santomé, fíxose sen a súa mediación e coa participación da outra empresa de representación de futbolistas. "O Liverpool ao final fixo o que quixo, malia as nosas advertencias, polo que agora estamos tomando accións contra Iago, contra o Liverpool e contra Promosport".

Onte, o Daily Mirror inglés recollía este conflito de intereses, que ten que dilucidar a Federación Española de Fútbol.

"Aínda que Iago comunique a súa intención de romper o contrato que ten connosco, no mesmo existe unha cláusula que di que si el rompe unilaleralmente o contrato ten que pagarnos un millón de euros. Vaime a ter que pagar todos os atrasos, máis o do Liverpool. Desde a federación dixéronnos que esteamos moi tranquilos, non temos de que preocuparnos. O que ten o problema é Iago e o Liverpool porque non haberá tránsfer ata que isto non se resolva", engade Santomé.

Faro de Vigo 

Ningún comentario:

Publicar un comentario